A Ordenanza de Mobilidade de Pontevedra converteuse nun enorme fracaso.

A valoración que fai Pedaladas do acontecido nestes meses de tramitación, e o que vai supor o funcionamento da Ordenanza de Mobilidade de Pontevedra, só a podemos calificar de enorme  fracaso como medio para obter unha mobilidade máis sostible, máis saudable e máis parecida ao que se está a facer no resto de Europa.
 
Queremos aclarar, que dende o 25 de Septembro de 1934 en España un “velocípedo” nunca puido circular por unha beirarrúa ou espazo peonil de uso exclusivo, e o aclaramos porque parece que o éxito que difunde o Concello é que se van a sacar as bicicletas e os patinetes das beirarrúas con esta modificación da Ordenanza de Tráfico do ano 1989.
 
As bicicletas nunca puideron circular polas beirarrúas de Pontevedra, o que sucedía era que ante unha  carencia enorme de infraestrutura ciclista na cidade o Concello permitía pola vía da non intervención da Policía Local a circulación de bicis polas beirarrúas. E o que se permitía sen amaño á lei agora vai ser sancionado, creando inseguridade no cidadán e moito malestar innecesario. Para Pedaladas volve a ser “criminalizar aos usuarios de bicicleta” en medios de comunicación cando o xusto era sancionar ás persoas que non se comportaran adecuadamente nunha bici.

Pedaladas esperaba que Pontevedra tivera unha ordenanza similar as de Madrid, Barcelona, Vitoria, Sevilla, Valencia… similar a calquera das cidades que están a impulsar a bicicleta de forma decidida como elemento de mobilidade (ningunha autoriza a circular ás bicicletas nas beirarrúas) dotando de seguridade aos ciclistas que deciden usar unha bici nos seus desprazamentos. Así, estas ordenanzas recollen medidas como as distancias de seguridade que deben tes os automóbiles coas  bicicletas, a circulación no centro do carril en vías urbanas, a prioridade de paso en certos cruces semafóricos, a utilización de remolques para bicis no transporte de nenos, animais e carga, a posibilidade de que un pai  poida acompañar en bici ao seu fillo que vai tamén nunha bici nunha beirarúa… pequenas medidas que son necesarias para promover a bicicleta como medio de transporte.
 
Os socios de Pedaladas fixeron as súas alegacións copiando literalmente os artigos que contiñan todas as Ordenanzas de Mobilidade destas cidades progresistas. O que sabemos, porque  nos filtraron as respostas que imos recibir nos próximos días, que as medidas de protección que se solicitaban de fomento da bici foron desestimadas. O Concello de Pontevedra non estima as alegacións porque argumenta que o que fixo Madrid, Barcelona, Vitoria, Sevilla, Valencia … “xa están suficientemente pautadas en normas superiores” A lectura de Pedaladas  é que o Concello de Pontevedra considera que todas estas cidades progresistas e que fomentan o uso da bicicleta están equivocadas nos seus deseños normativos.

Pontevedra non é moi amigable co uso da bicicleta para todas as persoas, e coa campaña de sancións aos usuarios de bici vaino ser menos, case con total seguridade os máis sancionados van ser os novatos e persoas con menores capacidades física que non se senten  capaces de circular cunha bicicleta rodeada de automóbiles, polo que agardamos  un forte descenso de usuarios de bici na cidade nos próximos meses.

A falta de infraestrutura ciclista que facilite o uso da bici como medio de transporte en Pontevedra é froito dun modelo urbano que iguala patinetes e bicicletas a automóbiles contra toda lóxica, os ricos causados, a masa, o tamaño, a velocidade real de desprazamento, o tipo de persoa que usa cada un destes medios fan que as necesidades sexan distintas pero o Concello insiste en dicir que unha bici é un automóbil e por iso a bici non é capaz converterse nun vehículo de uso cotiá na cidade.

Unha Ordenanza nace morta e vaise ter que modificar nun futuro próximo.

Queremos mandar ánimos ás persoas que se poidan sentir frustradas polas decisións políticas do goberno de Pontevedra, primeiro porque a Ordenanza non cambia nada no ámbito regulatorio salvo os límites de velocidade, só estamos a perder unha oportunidade de protección da bici. Neste 2021 a Lei de Mobilidade Sostible actualizará  previsiblemente o “Reglamento de Circulación” do ano 2003 e a “Ley de Seguridad Vial” do 2015 nun sentido moi positivo para o uso da bicicleta como medio de transporte, polo que a Ordenanza de Mobilidade de Pontevedra non ten nin terá importancia algunha, é unha norma que vai ser aprobada simplemente para reducir a presión política exercida na pasada lexislatura para  actualizar a norma do ano 1989 de ámbito local, a nova Ordenanza é un xeito de parar titulares en prensa.

A lei de “Movilidad Sostenible y financiación del transporte público” contempla áreas de baixas emisións, facilidades para a mobilidade activa e medidas de fomento da bicicleta. Neste momento as persoas que apostamos por unha mobilidade moito máis saudable e sostible non temos a mirada en Pontevedra senón en Madrid pola tramitación desta Lei de Mobilidade Sostible, a decepción con Pontevedra é enorme, Pedaladas agardaba moito máis dunha cidade que fai bandeira da promoción da mobilidade sostible.

Moito ánimo aos amigos ciclistas e activistas, recordade o ciclismo é un deporte de fondo, e a bici vai ser unha ferramenta importe no futuro da mobilidade, turismo, deporte e ocio, como mostran tantísimas cidades en Europa. Aínda tempos moito que pedalear por un mundo moi mellor. Cada día a bici ten máis futuro, é cuestión de ir mudando vontades e convencendo aos “negacionistas Trumpistas” Saúde e pedal.